Saltar ao contido

Anemia de Fanconi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anemia de Fanconi
A anemia de Fanconi posúe unha herdanza autosómica dominante.
SinónimoAnemia de FanconiSíndrome de Fanconi, Anemia Fanconi, FA
EspecialidadeHematoloxía, XenéticaHematoloxía, Oncoloxía, Pediatría
SíntomasBaixos niveis de glóbulos vermelllos, brancos e plaquetas, malformacións físicas, deficiencias no crecemento
ComplicaciónsLeucemia, tumores sólidos, falla na medula ósea
Inicio habitualInfancia ou temperá idade adulta
DuraciónCrónica, a longo prazo
TiposVarios subtipos segundo o xene afectado
CausasHerdanza xenética (mutacións en xenes asociados a FA)
Factores de riscoHerdanza familiar de mutacións relacionadas con FA
DiagnósticoAnálises de sangue, probas xenéticas, exames físicos
Condicións semellantesSíndrome de VACTERL, Síndrome de Diamond-Blackfan
TratamentoTransfusións de sangue e plaquetas, terapia de soporte, transplante de células nai hematopoiéticas
MedicaciónAndróxenos, factores estimulantes de colonias, quinolonas
PrognoseVariábel, dependendo da gravidade das malformacións e das complicacións hematolóxicas
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A Anemia de Fanconi (AF) é unha doenza xenética que afecta a nenos e adultos de todos os grupos étnicos. A doenza foi nomeada polo pediatra suízo que orixinalmente describiu esta desorde, Guido Fanconi. Non ha de ser confundida coa síndrome de Fanconi, unha desorde renal tamén nomeada por Fanconi.

A AF caracterízase por estatura baixa, anomalías no esqueleto (radio e cúbito), incidencia aumentada de tumores sólidos e leucemias, insuficiencia da medula ósea progresiva (anemia aplásica), alteracións renais (ril en ferradura, ril pélvico e axenesia de uréter) e susceptibilidade celular para os axentes que afectan as ligazóns cruzadas do DNA, tal como a mitomicina C.

Xenética

[editar | editar a fonte]

A anemia de Fanconi é unha doenza xenética provocada por mutacións en algún dos dezaseis xenes coñecidos como FANC, que van desde FANCA, FANCB etc. até FANCQ. Caracterízase pola sensibilidade aos elementos que poden causar ligazóns anómalas entre as dúas cadeas de ADN (axentes de reticulación). Estas ligazóns poden interferir na correcta función e replicación do ADN. Os síntomas comúns asociados inclúen unha diminución das células sanguíneas, defectos no desenvolvemento físico e unha tendencia aumentada a desenvolver cancro, o que indica que estes xenes actúan xuntos nunha ruta de reparación de ADN específica.

O mecanismo de reparación de ADN relacionado coa anemia de Fanconi implica un conxunto de proteínas que traballan conxuntamente para reparar os danos. Primeiro, un grupo de proteínas actúa como un sistema de alarma que detecta e se une especificamente nas áreas onde o ADN está danado. Logo, un complexo de proteínas chamado ubiquitina ligase, composto por varias unidades menores, marca estas áreas engadindo unha molécula pequena, a ubiquitina, a certos compoñentes celulares. Finalmente, un conxunto de proteínas especializadas, incluíndo nucleases e enzimas que promoven a recombinación homóloga (un tipo de reparación do ADN precisa), entran en acción para corrixir as zonas afectadas.

Actualmente, continúase investigando en detalle o funcionamento destas proteínas mediante técnicas avanzadas de estudo estrutural e análise bioquímica. Estes estudos buscan afondar na comprensión de como cada proteína FANC contribúe á ruta de reparación e, deste xeito, mellorar o coñecemento sobre a anemia de Fanconi e o desenvolvemento de posíbeis tratamentos.[1]

Prevalencia xenética

[editar | editar a fonte]

A Anemia de Fanconi é unha doenza autosómica recesiva, isto é, cómpre que o alelo mutado estea presente en ámbolos dous pais. Porén, un 2% dos casos teñen unha herdanza ligada ao cromosoma X, o que significa que os fillos teñen un 50% de herdar a enfermidade.

Polo menos 13 defectos que causan FA foron descritos en diferentes xenes: FANCA, FANCB, FANCC, FANCD1, FANCD2, FANCE, FANCF, FANCG, FANCI, FANCJ, FANCL, FANCM e FANCN. FANCB está presente no cromosoma X, sendo por tanto a única excepción descrita á doenza no referente a ser autosómica recesiva, xa que dito xene tería unha herdanza de tipo sexual.

Prognóstico

[editar | editar a fonte]
Guido Fanconi, quen describiu a enfermidade.

A esperanza de vida nos doentes de Anemia de Fanconi abrangue até os 30 anos. Moitos dos pacientes desenvolven leucemia mieloide aguda.

Ademais, existe unha prevalenza aumentada neste tipo de doentes de cancros de esófago, estómago e intestino, vulva e ano.

Tratamento

[editar | editar a fonte]

O tratamento de primeira liña consiste na terapia con andróxenos e factores de crecemento hematopoético, mais só adoitan responder ben un 50-75% dos doentes.

Unha cura máis permanente sería o transplamento de medula ósea.

No referente á prevención, o consello xenético ou a selección de embrións podería ser unha solución preconceptiva para evitar o nacemento de neonatos enfermos.

Notas

  1. Walden, Helen; Deans, Andrew J. (2014-05-06). "The Fanconi Anemia DNA Repair Pathway: Structural and Functional Insights into a Complex Disorder". Annual Review of Biophysics (en inglés) 43 (1): 257–278. ISSN 1936-122X. doi:10.1146/annurev-biophys-051013-022737. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]